| Rexeneración do conxunto
Casa da Cotona |

2014-20

Fase inicial da recuperación
da Aldea de Cubela, Rois

Remataban os anos corenta cando María da Cotona finaba na que daquela, segundo o recordo dos máis vellos do lugar era a mellor casa da aldea. Vivía soa logo de enviuvar e non deixaba descendentes. Ese foi o incio dun proceso de deterioro e desvirtuamento tanto da vivenda como das construcións auxiliares e do lugar en xeral.

A partires dese momento o uso dos espazos mudan e a resposta ás novas necesidades comezan a darse unicamente dende a funcionalidade, pois a consideración de vivenda xa se fora perdendo. Durante este período de desnaturalización do lugar, xogan un papel importante a incorporación e o mal uso dos novos materiais de construción, alterando gravemente tanto os códigos formais e a linguaxe constructiva como o sentido xeral da escala.

Sobre esta base a intervención inicialmente céntrase en espir o lugar do innecesario para revelar a verdadeira identidade e a escala que tiña de seu. Como nos indica o topónimo, o conxunto disponse sobre unha ladeira que se vai salvando mediante unha secuencia de terrazas que antigamente organizaban os diferentes aproveitamentos segundo a proximidade á vivenda. Os traballos iniciais de consolidación e conexión entre as diferentes plataformas foron a clave para comprender a lóxica do lugar e determinar o concepto xeral da intervención.

A vivenda estrutúrase en dous niveis, dándolle continuidade a cada un deles na parte exterior por cadansúa plataforma, exercendo de extensións ocasionais dos espazos interiores. Para un mellor aproveitamento da luz natural, as zonas comúns sitúanse no andar superior, proxectándose ao exterior na pequena eira dominada por unha vella figueira que noutrora exerceu de galiñeiro. A colocación no primeiro andar das zonas comúns da vivenda así como a orientación norte permítenos abrir grande ocos mantendo un certo nivel de intimidade no interior e sen medo á sobreexposición da luz directa do sol.

No referido ao eido construtivo, dende un inicio existiu a vontade de que o proceso tivera unha certa compoñen experimental, na procura de fórmulas que nos aportaran algún valor alternativo, tentando de primeiras evitar as inercias establecidas. Neste senso resultou fundamental o compromiso e a implicación das diferentes equipas de profesionais que foron executando cada unha das partes que compoñen o puzle. Tódolos traballos de construcción e consolidación de muros de pedra fixéronse empregando pedra de derribos, aparellada con un morteiro de barro procedente dunha antiga barreira do lugar mesturado con cal. A maior parte da madeira empregada proviña de edificación derrubadas, e a restante foi cortada nos montes do lugar e mecanizada en pequenas industrias locais.

  • Arquitectos redactores
    Salgado e Liñares + Cenlitrosmetrocadrado
    Alfonso Salgado, Francisco Liñares, Manuel Liñares
    Ricardo Tubío, Xabier Rilo, Javier Aliste
  • Promotores
    Ana Ferreiro, Ricardo Tubío
  • Situación
    Aldea da Cubela, Rois, A Coruña
  • Canteiros
    Xoan Ramos, Javier Blanco, Carlos Aboi
  • Carpinteiros de madeira
    Oscar Penedo, Domingo Quezada
  • Zinc
    Cubregal
  • Carpintería de Aluminio
    Tecven